A cova do Rei Cintolo realiza probas para crear unha nova ruta para os visitantes
Coa recepción de equipos arranca a visita ás covas do Rei Cintolo presentes en numerosas lendas. Ás xa tradicionais visitas guiadas vaise sumar unha nova experiencia, un percorrido alternativo que se está a preparar de cara ao vindeiro ano, pero para o cal se organizan agora probas piloto.
"Imos pasar por galerías de presión, poder ver galerías con tamaño sorprendente en canto á altura, poder ver ese río que hai no fondo da cavidade e imos a ver espeleotemas de maior tamaño", sinala Abel Vigo, arqueólogo do concello de Mondoñedo.
O novo percorrido desvíase nada máis entrar na cova e levará os visitantes ata 75 metros de profundidade, unha visita máis longa e esixente, pero ansiada polos visitantes.
"Hai a moita xente que lle gusta, e cando acaba a visita di: pero xa, eu quero máis. Entón, ademais de que o Concello quere poñer en valor os elementos patrimoniais que ten, a xente como que o pedía", conta Rosa Varela, guía das covas.
As visitas realízanse en grupos reducidos e baixo reserva previa, e son toda unha iniciación á espeleoloxía.
"Vin o das covas, fomos á oficina de turismo, reservámolo e pareceume interesante e unha aventura diferente ao habitual", explica unha visitante.
Quen se adentra nesta cova en estado natural e coñece as súas galerías repite. "Estannos falando xa dunha experiencia nova un pouco máis longa e volveremos seguro", asegura outro. Esta emblemática cova recibe cada ano uns 2.000 visitantes.