CRTVG

Buscar

A Costa da Morte é unha das comarcas galegas con maior expansión do virus

Publicado o 29/11/2020 14:38


A evolución da covid−19 na Costa da Morte preocupa desde hai semanas. Nos últimos catorce días detectáronse máis de 550 casos novos. De feito, máis de dous terzos dos concellos da comarca presentan unha incidencia acumulada superior á media de Galicia.

Hai dez municipios baixo as restricións máis severas, pechados perimetralmente en dous grupos. Por un lado, Ponteceso, Cabana, A Laracha, Carballo, Coristanco, Laxe e Malpica; por outro, Cee, Dumbría e Muxía, que pecharon onte.

Entre os que pecharon primeiro, algúns empezan a notar un descenso dos contaxios, como é o caso de Malpica, que actualmente ten medio cento de positivos. "Temos 51 positivos, baixamos en 30 casos desde que empezaron as restricións", explica o alcalde de Malpica.

Na localidade, varios veciños dinnos que aceptan o peche como a mellor solución. "Síntome un pouquiño preso, pero non queda outra. É un asunto bastante serio", di un veciño. "Que esperen o que faga falta, que non abran para despois volvernos pechar en dous días", opina unha veciña.

Os residentes nos dez concellos con peche perimetral só poden desprazarse entre os municipios pechados canda eles e teñen limitadas as reunións sociais ás persoas con que conviven.
Ademais, bares e restaurantes nada máis poden ofrecer comida para levar.

Noticias web

29/11/2020