CRTVG

Buscar

A costa da Coruña e de Pontevedra, en alerta laranxa esta noite polas ondas

Publicado o 09/02/2021 15:02

No centro e no sur da provincia da Coruña choveu sen tregua durante a madrugada, con acumulacións de ata 40 litros por metro cadrado e inundacións en estradas e zonas fluviais. A situación foi mellorando ao longo da mañá, e tamén amainou o vento forte que soprou pola noite, pero o tempo segue inestable e desapracible, con chuvascos fortes intermitentes. Así, non hai moito ánimo na rúa.

"Fatal, entre o virus e a chuvia, casa, non hai máis que quedar na casa". "É horrible porque non podes saír a dar un paseo cos nenos; os parques están pechados e non poder saír nin sequera dar unha camiñada, é complicado".
"Xa logo é como a enfermidade que temos, non ten remedio", din alguns veciños de Oroso.

No litoral hai aviso amarelo por mar de fondo e vento desde Ribadeo ata A Guarda. O vento foi amainando e o aviso por este motivo xa está desactivado. En cambio, o mar de fondo vai a máis e a partir das oito ou nove da noite está previsto activar o aviso laranxa por ondas nas costas da Coruña e Pontevedra. Na Mariña lucense manterase o amarelo.

A situación será a mesma ata mañá ao mediodía ou primeira hora da tarde.

Noticias web

09/02/2021