CRTVG

Buscar

A Coruña non cobrará a taxa de terrazas a locais de hostalería durante o 2021

Publicado o 10/11/2020 17:11
A Coruña non cobrará a taxa de terrazas a locais de hostalería durante o 2021

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou este martes que os locais de hostalería quedarán exentos da taxa de terrazas durante todo o 2021, igual que neste ano.

O cambio enmárcase nunha proposta de modificación das taxas e tributos locais, que o Goberno municipal levará a pleno esta semana e que afectará a un total de nove ordenanzas municipais, informou o Concello.

O obxectivo, subliñou a rexedora, é "facer unha repartición máis xusta das cargas fiscais, baixando impostos a quen ten menos recursos".

Os cambios inclúen unha rebaixa do Imposto de Construción Instalación e Obras (ICIO) para actuacións de rehabilitación, total ou parcial, que supoñan unha posta en valor da zona PEPRI, cunha bonificación do 50%.

Propoñerase tamén a subida das taxas que abonan os titulares dos caixeiros de entidades bancarias accesibles desde a rúa (pasando de 420 a 630 euros ao ano), así como as licenzas de apertura para salas de xogo na cidade, que soben de 744 a 1.488 euros.

Ademais, baixarase o imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IVTNU), de modo que se pasará de tres tramos con bonificacións do 95, 30 e 20% a catro con 95, 70, 30 e 20%.

Neste caso, coa modificación proposta, A Coruña sería, xunto con Pontevedra, a cidade galega co imposto máis reducido e a única que aplica criterios de renda para ofrecer bonificacións, asegura o Consistorio.

A ordenanza inclúe tamén a exención total da taxa para casos de execucións hipotecarias e dación en pago e as familias numerosas terán unha bonificación do 50% no recibo do lixo.

Pola súa banda, o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, especificou que a totalidade dos cambios propostos supoñerán unha rebaixa da recadación para o consistorio de case 650.000 euros.

As rebaixas nas taxas e tributos supoñerán para o Concello deixar de ingresar 680.911 euros ao ano, mentres que as subidas supoñen 31.912 euros máis, indican desde o Goberno local.

Tamén se contempla a actualización das tarifas dos servizos de extinción de incendios.