CRTVG

Buscar

A Coruña aínda está por riba do límite para levantar o peche perimetral

Publicado o 10/12/2020 20:32

• O comité clínico revisa mañá as restricións e podería aliviar o ocupación na hostalería

Os coruñeses están moi pendentes da reunión do comité clínico deste venres. Vai para mes e medio que non poden saír da cidade. Como moito visitan os concellos límítrofes de Arteixo, Culleredo e Cambre cos que comparten agora peche perimetral. Santiago e Ourense abriron cando rozaban os cen casos de covid por cen mil habitantes. A Coruña aproxímase cada día, pero aínda non chega a ese nivel.

"É aventurado neste momento. Estamos por riba do límite en que se están a abrir as zonas perimetradas. Temos que esperar a mañá a ver cal é a incidencia acumulada a 14 días na Coruña ou Culleredo. Estamos aínda aí, no límite", advirte Pilar Farjas, do comité clínico.

Pontevedra, Vigo, Ferrol e Lugo ainda están máis lonxe deses límites. O que si é probable que autorice a Xunta, polo menos na zona da Coruña é a ampliar a capacidade dos locais de hostalaría.

En xeral melloran a maioría dos datos epidemiolóxicos en todas as áreas sanitarias de Galicia. E a positividade das probas baixa a pesar de que se están facendo mais. O maior cribado comezou en Moaña. Ata o martes todos os veciños de entre 15 e 70 anos poden pasar por estar carpas para recoller un kit que entregarán ao día seguinte coa súa mostra de saliva.

"Chámanlle técnica de pooling, analiza en conxunto varias mostras ao mesmo tempo", explica Rocío Pouso, médica responsable do cribado. Un sistema menos molesto e máis rápido de detección que permite chegar a 10.000 veciños de Moaña. Aos maiores de 70 anos os sanitarios tomaranlles a partir do sábado unha mostra nasofarinxea para facerlles a PCR.

Noticias web

10/12/2020