A cornicha é a estrela das lonxas do sur de Galicia
Mais de 122.00 quilos desta ameixa branca ou cornicha vendéronse no que vai de mes na lonxa de Baiona. Unha especie que pasou de 3 a 7 euros e medio e que o consumidor está a mercar a uns 15 euros o quilo. Segundo Xosé Daniel Lorenzo, mariñeiro: "É unha ameixa moi resistente, e non fraquea, como dicimos nós, sempre está en comida. A xente estase percatando".
O ano pasado a cornicha escaseaba, pero a aparición dun banco o pasado mes de abril na costa de Baiona fixo que a meirande parte dos barcos de marisqueo a flote da ría estean a pescar agora nestas augas. Hai 30 anos ese banco foi esquilmado e agora está a sustentar ducias de familias.
O patrón David Jiménez, di que "a campaña vai ben agora, este mes estamos a ter bos prezos desde que abriu a hostalería, pero ata agora prexos moi baixos, a uns tres euros e medio. Hai que ter en conta que gañan depuradoras e intermediarios, e non nos estaban pagando ben. Pero este mes está a ser bó". E o pescador César Davila recoñece que "este ano está levando bo prezo a comparación doutras campañads, e a verdade é que compensa vir a isto este ano".
Malia as grandes vendas de cornicha, percebes, navallas e nécoras seguen a liderar as vendas nas principais lonxas da ría de Vigo.
O poxador da lonxa de Baiona Ángel Vilar di: "Este ano non nos podemos queixar despois das resticións que houbo, estamos coa poxa do percebe dende 30 a 108, 110 euros, e esperamos que siga aumentando un pouquiño mais ainda".
A ameixa branca está a salvar o marisqueo a flote nun ano moi difícil, que este verán está a ver un pouco mais de luz.