CRTVG

Buscar

A Copa América xa ten emparellamentos de cuartos

Publicado o 29/06/2021 20:29

A Arxentina confirma a súa condición de seria aspirante á copa América. Goleou a Bolivia, pasa a cuartos coma primeira do grupo e polo camiño Messi superou a marca de partidos internacionais que tiña Mascherano. Para celebralo fixo dous goles. A Arxentina xogou na primeira fase co Chile, Uruguai e Paraguai.

"Xogamos con rivais moi fortes, sen desmerecer, no noso grupo ten rivais moi duros e históricos e todo o mundo os coñece", lembra Scaloni, seleccionador arxentino.

Ben é certo que o último partido foi contra Bolivia, que marcou un gol, pero que marcha da copa sen un só punto, por terceira vez consecutiva pero César Farías, o seu ténico, non perde a esperanza: "Nós coñecemos o camiño e tamén imos sacar as conclusións con calma de todo o que vivimos na copa"

No outro partido do grupo, o Uruguai buscaba unha vitoria que lle permitise evitar ao Brasil nos cuartos. Gañou cun gol de penalti de Cavani e cruzarase con Colombia pero segundo Tabárez o da primeira fase non vale de moito: "O exemplo témolo na Eurocopa. Todos os que viñan de ser os campións de grupo nas fases anteriores quedaron eliminados"

O Paraguai deberá mellorar o seu rendemento para seguir vivo no torneo aínda que Berizzo viu un bo encontro do seu equipo: "Decidiuse o partido porque eles marcaron ao comezo do partido e nós non puidemos pero non creo que o noso partido fose malo".

O Paraguai de Berizzo medirase co segundo do grupo, o Perú de Renato Tapia.

Noticias web

29/06/2021