A convivencia obrigada polo confinamento pode ser un reto para moitas parellas
Se a convivencia é unha das principais probas para calquera parella, en tempos de confinamento pode ser un auténtico reto.
É frecuente que as parellas compartan pouco tempo nun día a día ocupado na súa maior parte polas obrigas laborais. Pero o confinamento obriga a unha convivencia imposta de 24 horas.
Serán as estatísticas as que pasado o tempo dirán cantas parellas sairon reforzadas e cantas sucumbiron ao confinamento.
"Viven unha situación de presión, porque están preocupadas, porque non poden traballar, porque pasan moitas horas, porque non poden facer exercicicio" explica a psicóloga Paula Martínez.
Din os expertos que non é momento de xulgar a quen temos ao lado e que é necesario aceptar que teremos que lidar con sentimentos de malestar, frustración, impotencia ou enfado.
"O ideal é que fixeramos como unha carreira de relevos na parella. Se eu teño un momento malo, levas ti as rédeas; se o tes ti, lévoas eu. E que trataramos de comprendernos e, dentro dos espazos que teñamos, grandes ou pequenos, que busquemos un momento para atoparnos con nós mesmos", aconsella a psicóloga.
As noticias que chegan da China falan dun aumento das separacións tras o confinamento. Aquí, a partir de mañá, poden volver presentarse demandas, pero os prazos están en suspenso, o cal na práctica significa que estas non poden ser tramitadas. Por iso é cedo para saber se a situación vai repercutir nun aumento de separacións e divorcios.
"Despois dun tempo de convivencia sempre xorden problemas nas parellas. De feito, despois das vacacións hai un aumento das rupturas", di a avogada de familia, María Sierra.
Pero hai outro factor que inflúe de xeito determinante á hora de poñerlle fin a unha convivencia de parella.
"Non teño tan claro que vai ser tan alto o número de procedementos, non porque non existan friccións senon porque moitas parellas, como pasou despois da crise de 2007-2008, probablemente non poidan facerlle fronte ao que implica romper a economía dunha unidade familiar", apunta Sierra.
Os últimos datos do INE din que 5167 parellas se divorciaron en Galicia no ano 2018. O tempo dirá como influirá nesta estatística a COVID-19.