A contratación recupérase en maio e sobe un 26,3 % en España

O número de contratos laborais recuperouse durante o mes de maio, cando se subscribiron 850.617 contratacións, de forma que repunta respecto ao mínimo de abril, pero marca o segundo menor dato da serie histórica.
Segundo os datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), durante o mes de maio o número de contratos laborais creceu un 26,3 % respecto a abril. Con todo, son menos da metade dos 1,22 millóns do mesmo mes de 2019.
Con esta cifra márcase o segundo mínimo da serie que comeza en 2006 e que só caeu do millón de contratacións no máis duro da anterior crise económica (febreiro e marzo de 2013) e ao comezo da mesma (agosto de 2009).
Por tipo de contratos, a situación é similar á de períodos anteriores:
• Nove de cada dez foron temporais (773.925).
• Un de cada dez contratos foi indefinido (76.692).
Por sectores, a sinatura de contratos foi como segue:
• Practicamente a metade dos contratos subscritos en maio estaban no sector servizos (403.673), aínda que perdeu peso respecto ao ano pasado, cando concentraba sete de cada dez.
• Duplicouse o peso da agricultura (con 243.146 contratos, case 1/3 do total).
• Dobrouse tamén o peso dos contratos na construción (con 93.736 contratos) respecto a hai un ano.
• A industria aumentou tamén o seu peso en tres puntos, ata o 13 %.
Na comparativa interanual, aínda que o número de contratos diminuíu en todos os sectores en maio, fíxoo con máis forza nos servizos (72,41 %) e na industria (46,24 %), experimentando caídas máis leves na construción (20 %) e a agricultura (17 %).
Dous de cada tres contratos foron asinados por homes, con 539.781, en tanto que o restante foi subscrito por mulleres, con 310.836 contratacións, das que un terzo foi a tempo parcial.
Os contratos de curta duración perderon peso, xa que hai un ano supoñían o 40 % dos máis de dous millóns asinados, mentres que agora representan o 30 %. Esta imaxe faise máis nítida no caso dos de moi curta duración, que pasaron do 30 % ao 15 %.
Por actividades, agricultura, gandería, caza e silvicultura continúa sendo a que maior número de contratos protagonizou en maio (237.208), seguida polo comercio polo miúdo, que comeza a recuperar o tirón de outrora, con 53.265. Por detrás, destacan os 45.000 da edificación, os 44.000 da industria da alimentación e os 43.000 da construción especializada.
Os servizos de comidas e bebidas, anteriormente motores da contratación, rexistraron unha décima parte das contratacións de hai un ano (30.000), o mesmo que ocorreu cos servizos de aloxamento (1.637), mostrando aínda o parón de actividade destas actividades.