CRTVG

Buscar

Meteogalicia monitoriza a posible chegada a Galicia de dióxido de xofre do volcán

Publicado o 18/10/2021 18:01
EFE

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da rede de calidade do aire xestionada por Meteogalicia, monitoriza a posible chegada a Galicia da columna de dióxido de xofre (SO₂) procedente do volcán Cumbre Vieja na illa canaria da Palma.

Segundo os datos do Goberno galego, a columna podería chegar a Galicia ao longo da xornada deste luns, “aínda que non está previsto que estas concentracións cheguen á superficie, é dicir, a nivel de dous metros sobre o chan”, sinalan

Así o indican as predicións do servizo de vixilancia da atmosfera Copernicus (CAMS), que se basean nas observacións realizadas polos satélites para rastrexar a dirección e a concentración na atmosfera da pluma de SO₂ emitida pola erupción.

En todo caso, Meteogalicia monitora e rexistra en tempo real as distintas clases de contaminantes procedentes do volcán, polo que, no caso de que os niveis de concentración dalgunha destas emisións se incremente nalgún momento, podería detectarse de inmediato e, en caso de estimarse necesario, “poñeríase en marcha o protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica”, indican na Xunta.

En todo caso, no departamento meteorolóxico subliñan que nestes momentos as concentracións dos contaminantes procedentes da erupción volcánica na Palma son absolutamente normais, aínda que o persoal responsable da rede de calidade do aire de Galicia permanece atento a calquera posible cambio na situación a fin de comunicalo de inmediato.

As predicións de Copernicus tamén apuntan a que, se finalmente Galicia chega a situarse na traxectoria da columna de dióxido de xofre provocada polo volcán, a súa influencia manterase unicamente ata mañá, cando se afastará. 

Noticias web

18/10/2021