CRTVG

Buscar

A confraría de Noia impulsa a marca de calidade do seu berberecho

Publicado o 29/08/2019 13:42

A confraría de Noia traballa xa no inicio da próxima campaña marisqueira para impulsar a marca de calidade do seu berberecho. Unhas 25 factorías abastécense do molusco e 14 delas comercialízano co distintivo que garante non só a súa procedencia senón tamén a rastrexabilidade do produto.  

Este é o selo que empregan máis da metade das conserveiras que adquiren o berberecho nas rulas do Testal e do Freixo. Para a próxima tempada está prevista a incorporación doutras catro, que contactaron coa confraría para coñecer os pasos para seguir. En Noia constataron que existe un elevado coñecemento do seu berberecho no mercado, pero moito menos da marca de calidade e do distintivo que a identifica.

"Foi un ano un pouco de proba porque a marca probouse formalmente en febreiro de 2018 e fixemos a primeira campaña de proba e a verdade é que foi bastante ben. As espectativas son altas. Estivemos arredor esta campaña dun 190 mil quilos de berberecho que foron comercializados baixo selo da marca de calidade", explica Juan Gómez, técnico da Confraría de Noia.

Mentres a confraría inspecciona as zonas produtoras para ver o desenvolvemento do bivalvo queren dar a coñecer o seu selo indentificativo.

"O noso obxectivo a medio e largo prazo é que saia o 100% do berberecho tanto para depuradoras como para conserveiras. Sabemo que é un proceso que non é un proceso sinxelo, xon procesos e medio e largo prazo que se ten que consolidar. Como dixen acábase de comezar aínda esta nova campaña, que foi en fase de proba e agora nesta segunda campaña imos tentar darlle un pulo a campaña de promoción sobre todo do selo non. O berberecho de Noia xa se coñece pero non tanto o selo", di Juan.

O comezo da campaña marisqueira en Noia está aínda por fixar. As previsións apuntan a que a partir do 16 de setembro poderán comezar a recoller o molusco nas praias. Algo que vai depender do clima e do rendemento que acade o bivalvo.

Noticias web

29/08/2019