A confraría da Illa de Arousa decláralle a guerra aos plásticos coa axuda dos visitantes
Todo naceu da iniciativa dun camiñante. Unha persoa que paseaba pola zona do Carreirón xuntaba o lixo e publicaba fotos en Internet. Pero ninguén recollía ese lixo. Na confraría abriron unha páxina en Facebook que se chama "Basura marina" para identificar os lugares e que os vixiantes poidan retiralo. A día de hoxe ten máis de 700 seguidores. "Levamos dous meses co grupo este e mira como están os colectores. Eu creo que hai máis de 2.000 quilos de lixo", di o patrón maior da confraría da Illa de Arousa, Xoán Xosé Millán.
Hai residuos que se tiran en terra e hai residuos que o mar deposita nas praias. Por exemplo, estas nasas de polbo que se utilizan en Portugal e que aquí están prohibidas. Os colectores pertencen ao proxecto Clean Atlantic, unha iniciativa do Centro Tecnolóxico do Mar para que as mariscadoras e os mariñeiros retiren o lixo mariño que atopen no mar. "Estamos sacando moito lixo. Hai que concienciar a xente para sacar ese lixo das praias ou que non chegue ao mar", asegura Millán.
O Carreirón, Gradín ou punta Cabalo son algunhas das zonas en que se xuntan residuos casi a diario. Na confraría destacan o xesto dos camiñantes e o traballo desinteresado dos vixiantes, que controlan neste concello 37 quilómetros de costa.