CRTVG

Buscar

A confraría da Coruña e Portomuíños sementan 35.000 ourizos en Suevos

Publicado o 26/07/2021 14:59

A actividade é frenética no criadeiro de Portomuíños en Sada. Van trasladar 35.000 crías de ourizo ao porto de Suevos, na Coruña. Teñen entre 6 meses e 1 ano de vida e apenas miden un centímetro e medio de diámetro.

Pero a rapidez hai que combinala coa delicadeza. O ourizo estrésase facilmente. Pouca luz no transporte, sen cambios de temperatura e caixas pouco cargadas e con algas.

"Ao final é o que eles comen. Van tranquilos e despois podemos deixalas no mar", conta Antón Muíños, do Grupo Portomuíños.

Moitos ollos do sector están pendentes deste proxecto. Dous técnicos da confraría de Grove analizan a posibilidade de aplicalo nas súas concesións.

Unha furgoneta isotermo leva os exemplares ata a zona de costa escollida para sementalos, cerca do porto de Suevos. Antes disto, a confraría fixo mostraxes do fondo.

"Características de substrato adecuadas, sitios rochosos, profundidade adecuada e sitios con alimento", concreta Pablo Senén, biólogo da confraría da Coruña.

Na Coruña 16 mergulladores van o ourizo. Dous deles depositan as crías con cariño a 4 metros de profundidade. Esta é a segunda sementeira de ourizos que fan. A primeira foi no entorno da Torre.

"O ano pasado foron 8.000. Desta volta son 30 e pico mil. Medraron moi ben, asentáronse e case non houbo mortaldade. A cousa vai por bo camiño", di Felipe Canosa, Patrón maior da confraría da Coruña.

Nun ano case duplicaron o tamaño e todos os participantes no proxecto están moi esperanzados en que poda contribuír a sostibilidade dun recurso moi demandado. Aos catro ou cinco anos os ourizos xa poden ser explotados comercialmente.

"Este é un proceso colectivo en que participa a empresa privada, a administración e o sector. Un exemplo de coxestión", resume María Cancelo, delegada territorial na Coruña da Consellería do Mar.

En apenas unha década, o ourizo multiplicou por catro a súa cotización nas lonxas galegas. O éxito de sementeiras coma esta é unha boa noticia para o futuro da especie e tamén para a economía dos produtores.

Noticias web

26/07/2021