CRTVG

Buscar

A conca ourensá do Miño volve rexistrar as máximas de Galicia, por riba dos 30 graos

Publicado o 30/05/2021 20:13

Cada día que pasa, desde que comezou a semana, Ourense bate un novo récord de calor.

"Vai calor, dou fe, eh! Teño que ir cargado, e vai calor", di un mozo.

A tarde complícase para os que teñen que traballar malia ser domingo. Ao sol instalaron as casetas da feira do libro e ao sol quedaron baleiras as terrazas. Os que teñen opción, escollen as mesas con sombra ou a sombra refrescante das árbores no parque.

"É demasiado, un día frío e outro calor". "Aquí non hai primavera. Cando marcha a calor, marcha, e cando vén, vén. E benvido", comentan dúas mulleres.

Hoxe foron 33 graos na cidade, 34 na Arnoia, a máxima de Galicia. A hora de máis calor, ao redor das seis da tarde.

"Temos un día de moitos graos, 30, e estamos moi quentiños". "Eu son de terra quente, cubana, e gústame o sol", din dous veciños no parque.

Así de concorrido estaba na hora punta o río Miño. As primeiras inmersións deste verán adiantado que non deu tempo para poñer a punto as instalacións. Hai que traer a subministración da casa ou buscar opcións.

"Moi bo, aquí en Oira, e despois iremos tomar algo por aí ata que se faga de noite", sinala unha bañista.

E o luns máis, 35 graos prognostica Meteogalicia, que este domingo atinou a predición. Tamén anuncian que a cousa empeza a cambiar a partir do martes.

Noticias web

30/05/2021