CRTVG

Buscar

A Comunidade Valencia e Murcia, as últimas comunidades en pechar o ocio nocturno

Publicado o 08/07/2021 18:47

• Valencia pide aval xudicial para recuperar o toque de queda por concellos

A Comunidade Valencia e Murcia, as últimas comunidades en pechar o ocio nocturno
AXENCIAS

A Comunitat Valenciana pechará, a partir deste sábado, o lecer nocturno, que só poderá abrir nas condicións dos bares e cafeterías, e pedirá o aval do Tribunal Superior de Xustiza para recuperar o toque de queda entre a 01.00 e as 06.00 horas e limitar as reunións sociais. Así o anunciou o president da Generalitat, Ximo Puig, tras a reunión da Interdepartamental para a Prevención e Actuación ante a covid-19 da Generalitat, reunida este xoves para analizar a situación da pandemia de coronavirus na Comunitat Valenciana.

As medias, que entrarán en vigor a medianoite do venres ao sábado e permanecerán ata o 25 de xullo, contemplan tamén o adianto en media hora do peche da hostalería, ata as 00.30 horas, cun máximo de dez persoas no exterior e seis en interior (agora eran 10 en ambos os espazos). 

A intención do Consell é limitar ao máximo as actividades que están a xerar unha maior propagación do virus nestes momentos, especialmente entre a xente nova, polo que solicitará ao TXJCV autorización para poder limitar a mobilidade entre unha e as seis da madrugada. Trátase, segundo Puig, dunha "restrición selectiva, coutada a aqueles municipios con máis risco epidémico", segundo "criterios obxectivos e revisables de incidencia e positividade", que nestes momentos afectaría a uns 40 municipios que non detallou á espera de recibir o visto e prace do tribunal.

O Consell tamén pedirá o aval da xustiza para limitar as reunións sociais a un máximo de 10 persoas en toda a Comunitat Valenciana, tanto no ámbito privado como no público, onde nestes momentos non existe limitación. 

Puig lamentou "profundamente" as novas medidas que afectan a sectores que están a facer un sacrificio enorme, pero destacou que unha parte fundamental dos gromos ten a súa orixe no lecer, tanto regrado como non regrado. Así, o Consell acordou pechar o lecer nocturno, que só poderá abrir nas condicións dos bares e cafeterías, e terá que pechar ás 00.30 horas. Sinalou que para compensar a este sector, o pleno do Consell aprobará este venres estender as axudas ao lecer nocturno con 4,8 millóns máis, co que o total destinado a este sector para paliar os efectos da crise da pandemia será de 12,8 millóns. 

Murcia pecha o ocio nocturno

O Comité de Seguimento Covid da ReXión de Murcia, reunido este xoves pola tarde con carácter extraordinario, decidiu decretar, a partir das 00.00 horas do próximo sábado, a suspensión do lecer nocturno en espazos interiores, é dicir, aqueles con licenza de bar de copas, karaoke, pubs e similares.

Así o anunciou o conselleiro de Saúde da rexión, quen indicou que estas medidas, baseadas en recomendacións técnicas dos expertos, pretenden frear o "preocupante" incremento de casos positivos detectados na última semana.

Desde o pasado 1 de xuño, os establecementos de lecer nocturno prestaban servizo nas mesmas condicións decretadas para a hostalería, isto é, sen servizo de barra, sen pistas de baile e coa obrigatoriedade de que os clientes permanecesen sentados tanto en exterior como en interior, e en mesas dun máximo de dez persoas.

Coa actualización das medidas sanitarias, a partir deste sábado o interior destes locais permanecerá pechado e só permitirase a actividade en exterior nas mesmas condicións que a hostalería.

Noticias web

08/07/2021