CRTVG

Buscar

Madrid aposta por AstraZeneca para os menores de 60 anos que se apunten voluntariamente

Publicado o 10/04/2021 21:29

Neste proceso de vacinación, AstraZeneca segue copando titulares. A Comunidade de Madrid aposta por vacinar con doses desta marca a menores de 60 anos que así o queiran voluntariamente. Agora é o Ministerio de Sanidade o que debe decidir ao respecto. "Debo insistir no rexeitamento de Madrid de limitar a vacinación de AstraZeneca a persoas maiores de 60 anos, sobre todo porque non hai nin un só criterio técnico que o avale", sinalou o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruis Escudero.

O responsable da Sanidade madrileña facía estas declaracións nunha visita ao Wizink Center, onde se habilitou o terceiro punto de vacinación masiva da comunidade. Hoxe incorporábanse tamén once centros hospitalarios públicos ao proceso de inoculación, cunha presenza notable de cidadáns de entre 60 e 69 anos. Un dos que acaba de recibir unha dose explica que confía en que todo vaia ben e que, poreviamente, non lle informaron da marca da vacina. Unha muller explica: "Primeiro aténdenos un médico, dislle todo o que tes e eles dinche si ou non; ou sexa, que tampouco vimos da man de Deus".

Desprazámonos ata Andalucía. Comezaba hoxe a vacinación masiva a persoas especialmente vulnerables, con patoloxías de moi alto risco, aquí, no hospital Raíña Sofía de Córdoba, e o conselleiro de Sanidade. Jesús Aguirre, lanzaba unha mensaxe semellante á do de Madrid: "Os que voluntariamente, menores de 60 anos, queiran poñer a segunda vacinación ou queiran poñer a vacina de AstraZeneca que o solicitan e poñeráselles a vacina de AstraZeneca".

Nunha comunidade de signo político ben diferente, en Navarra, a titular de Sanidade recibía a vacina estigmatizada, a de AstraZeneca, como lle corresponde por idade. Para a conselleira, Santos Indurain, "unha imaxe vale máis ca mil palabras" e por iso quixo que a gravasen vacinándose, para transmitir confianza.

Noticias web

10/04/2021