CRTVG

Buscar

A comunidade científica defende a priorización da vacina ás embarazadas

Publicado o 31/07/2021 21:08

Os hospitais españois están recibindo nesta vaga da pandemia máis embarazadas que en ningunha das anteriores. Algunhas con cadros graves. No último mes morreron catro xestantes por complicacións relacionadas coa enfermidade. "Agora estanse afectando moito máis. Debe ser que o virus está circulando máis entre os colectivos que non se infectaran ata o de agora", di o experto en Saúde Pública Juan Gestal.

Nun momento de subministracións limitadas, a OMS pediu prioridade na vacinación das xestantes.
Pero a cuestión non é só que falten vacinas, tamén hai reticencias entre as mulleres embarazadas, logo do vaivén de informacións ao respecto.

O xefe de Obstetricia do Hospital Universitario de Palma subliña que non implica riscos para o feto. Si admite posibles complicacións no embarazo pero defende que a vacina compensa.

O experto en Saúde Pública Juan Gestal, que tamén defende que as xestantes se vacinen o antes posible, subliña ademais que unha investigación dos Estados Unidos descubriu que as posibles alteracións no embarazo das vacinadas non son diferentes nin máis frecuentes das habituais. "Desde ese momento xa se aconsellou a vacinación das embarazadas", puntualiza.

O Ministerio de Sanidade anunciou esta semana unha reunión coas sociedades de xinecoloxía e parteiras para traballar na concienciación da vacinación en xestantes.

Noticias web

31/07/2021