CRTVG

Buscar

A compra de vivenda en Galicia aumenta un 60 % no mes de abril

Publicado o 11/06/2021 11:23
A compra de vivenda en Galicia aumenta un 60 % no mes de abril

A compravenda de vivendas aumentou en abril un 60 % na comunidade galega e un 66 % no conxunto de España, respecto ao mesmo mes do ano anterior, cando o país estaba en pleno confinamento duro por mor da pandemia.

En Galicia vendéronse 1.489 vivendas do total de 42.211 do Estado, segundo datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por terceiro mes consecutivo superáronse as 40.000 operacións en España, e o aumento do 66 % en abril é o maior que se constata desde que comezou a serie no ano 2007.

En relación coas cifras rexistradas en marzo deste ano, a compra de vivenda descendeu en abril un 10,8 % en taxa mensual e rachou con catro meses de subas. Con todo, nos catro primeiros meses do ano, a compra de vivendas acumula un incremento do 12,5 %. 

Vivenda usada e nova

A compravenda de vivenda usada segue a ser a máis numerosa en abril con case o 78 % do total, mentres que o 20,2 % restante corresponde a vivenda nova. Con todo, foi a vivenda nova a que máis incrementou as operacións en abril en taxa interanual, un 82,2 %, ata as 8.520 transaccións.

Pola súa banda, a compravenda de vivenda usada medrou un 62,3 %, tamén o seu maior aumento, ata as 33.691 operacións.

Desde que arrincou o ano, as transaccións de vivenda nova disparáronse un 28,8 %, mentres que as da vivenda usada fixérono un 8,7 %.

Ademais, o 91,5 % das vivendas transmitidas por compravenda en marzo foron libres (38.631 operacións, o 68,4 % máis) e o 8,5 % protexidas (3.580 transaccións, o 43 % máis).

Esténdense as caídas

Con respecto a marzo, todos os tipos de vivendas experimentaron caídas nas compravendas, sendo máis salientables nas novas (-16,1 %) que nas usadas (-9,4 %).

Ademais, por réxime de vivenda, as compravendas das libres descenderon un 10,6 % en taxa mensual e as protexidas un 12,6 %.

Por comunidades autónomas, todas rexistraron fortes aumentos nas compravendas con respecto a abril de 2020, sendo as máis destacadas as de Estremadura (178,5 %), Castela-A Mancha (165,1 %), Navarra (121,2 %) ou Castela e León (99,3 %).

Caen as herdanzas

Respecto a marzo, cando marcaron o seu máximo histórico con 19.446, as herdanzas de vivenda sumaron en abril 16.617 operacións, o 14,5 % menos que o mes anterior pero case o triplo que o mesmo mes de 2020, cando o mercado estaba practicamente paralizado pola pandemia.

De acordo coa estatística do INE, o número de compravendas de leiras subiu en abril 66,1 % en Galicia, fronte a 96 % no conxunto de España en taxa interanual. Na nosa comunidade,  vendéronse 8.236 leiras, do total de 174.323 en España.

O maior incremento no conxunto do Estado deuse nas rústicas, que se dispararon un 172,8 %, mentres que as urbanas aumentaron un 81,2 %.

 

 

Noticias web

11/06/2021