CRTVG

Buscar

Bruxelas lanza un programa de axudas para a agricultura e a pesca

Publicado o 03/04/2020 16:04

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, considerou que as medidas anunciadas este xoves pola Comisión Europea (CE) "van na dirección adecuada e recollen as demandas españolas". A CE formalizou a súa proposta de estender un mes, ata o 15 de xuño, o prazo para solicitar as axudas da Política Agraria Común (PAC) e de aumentar os anticipos de pagos directos (do 50 ao 70 %) e dos de desenvolvemento rural (do 75 ao 85 %).

Nun comunicado, Planas afirmou que ese adianto é "vital para asegurar a viabilidade económica de moitas explotacións agrícolas e gandeiras que, sendo un dos sectores estratéxicos para superar a pandemia de COVID-19 como garantes da subministración alimentaria, é tamén un dos máis afectados por esta crise".

Preto de 700.000 agricultores e gandeiros españois beneficiaranse do anticipo, que recibirán a partir do 16 de outubro. Desta forma, adiantaranse axudas directas por valor de máis de 3.421 millóns euros en España, do total de 4.953 millóns que se prevé abonar en 2020, mentres que o resto de pagos realizarase a partir do 1 de decembro. O ministro de Agricultura mostrouse a favor de que a Comisión acepte reducir os requisitos e controis, o que axudará a "reducir a carga administrativa e evitar demoras innecesarias".

O obxectivo é que os produtores poidan afrontar con "maior liquidez e menos trabas" a difícil situación orixinada pola crise sanitaria do coronavirus, que afecta a toda a Unión Europea (UE). Planas resaltou a flexibilidade outorgada no uso de instrumentos financeiros, despois de que Bruxelas anunciase que o Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (FEADER) cubrirá préstamos ou garantías de ata 200.000 euros en condicións favorables dos que poderán beneficiarse os agricultores da UE.

Outras medidas solicitadas por España tamén se poñerán en marcha, como a posibilidade de reatribuír fondos para evitar a súa perda ou de aprazar a presentación de informes anuais sobre a execución dos programas de desenvolvemento rural, segundo o comunicado.

En canto ao sector pesqueiro, Planas destacou que a CE responde con "medidas necesarias para asegurar a súa viabilidade", entre elas, as axudas ás paradas temporais da frota polos efectos do coronavirus ou por un descenso de ingresos na acuicultura, así como o apoio ás organizacións de produtores pesqueiros que poidan almacenar produtos. Esas medidas terán reatroactividade desde o 1 de febreiro e adoptaranse formalmente o 18 de abril.

O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) concederá unha compensación financeira dun máximo do 75 % aos pescadores, á vez que o teito de apoio para os plans de produción e comercialización das organizacións increméntase do 3 ao 12 % do valor media anual da produción comercializada.

"Cada posto de traballo que se perde no sector da pesca moi dificilmente se recupera", sostivo Planas, polo que -ao seu xuízo- a articulación desas axudas permitirá conservar o tecido produtivo para reactivalo cando pase a crise.

Noticias web

03/04/2020