A comarca da Barbanza foi a máis afectada polo temporal
• O temporal deixou máis de 400 incidencias por toda Galicia
• Continúa activada na costa a alerta amarela por ondas ata as doce deste mediodía
O temporal deixou máis de 400 incidencias por toda Galicia. A comarca da Barbanza foi unha das máis afectadas, especialmente a localidade de Corrubedo, que quedou illada.
Tras o temporal de onte, hoxe será un día de moito traballo na comarca da Barbanza. As intensas precipitacións provocaron asolagamentos en Boiro, na Pobra do Caramiñal e en Porto do Son, pero, sobre todo, no concello de Ribeira.
Na parroquia de Artes desbordou o río Arlés, o que obrigou a cortar o tráfico, co que quedou inhabilitada esa ruta para chegar a Corrubedo. No acceso a esta localidade, unha bolsa de auga atrapou varios condutores. A auga entrou en moitas casas, comercios, sotos e garaxes, e alcanzou case os dous metros de altura.
As inundacións tamén afectaron a circulación en numerosos puntos da provincia. Por exemplo, a estrada que une Noia con Boiro. A vía quedou chea de auga, pedras e maleza. A Garda Civil tivo que facer cortes puntuais á altura da parroquia de Tállara polo risco para a circulación.
Só na provincia da Coruña, desde mediodia ata as seis da tarde, o 112 rexistrou 218 incidencias, a maioría por inundacións e acumulación de auga nas estradas. Ademais de na Barbanza, os lugares máis afectados foron Santiago, Ferrol ou Perillo, en Oleiros.
Pasado o temporal, hoxe a cousa calmará. Só continuará activada na costa a alerta amarela por ondas ata as doce deste mediodía.