A Comandancia da Coruña acolle unha poxa de armas
A exposición para venda a quen teña o permiso regulamentario intégrana unhas oitocentas armas, a maioría escopetas de calibre 12. Entre as curtas predomiann os revólveres. Exhíbenas na Comandancia da Garda Civil da Coruña ata o venres. Cada arma ten un número de lote e o prezo sinalado polo propietario cando a entregou.
José Luis Suárez Lago, sarxento interventor de armas e explosivos da Comandancia da Coruña explica: "Ese número de lote ten adxudicado un prezo mínimo de saída. Os interesados miran, se algunha lle interesa fai unha poxa pechada, pagan unha fianza no banco e queda ata o próximo luns cando se abren os sobres e se adxudican as armas".
O público que adoita acudir é masculino nun 99 por cento, e entre eles predominan os cazadores. Segundo o sarxento interventor, hai armas que teñen prezo interesante. Aínda así, recoñece que en edicións anteriores non houbo moita venda.
O sarxento interventor de armas e explosivos da Comandancia da Coruña precisa que "estamos a falar de entre un dez e un quince por cento de armas que se venden. O resto, as que quedan sen vender, van directamente ao achatarrramento".
"Normalmente son os cazadores os que veñen na procura dunha segunda arma que teña un bo prezo. Algunhas, de tiro deportivo, tamén son interesantes para mulleres, pero non adoita haber demanda feminina para armas longas. A maior parte delas buscan arma curta e para tiro deportivo".
Esta edición abriuse, segundo nos contan, con boa afluencia de interesados. O proceso completarase cando os adquiridores legalicen en prazo as armas adxudicadas. Se non o fan, perderíanas e irían tamén para chatarra.