CRTVG

Buscar

A colleita de olivas pode chegar ás 200 toneladas e unha produción de ata 20.000 litros de aceite galego

Publicado o 11/10/2021 20:04

As chuvias na etapa de floración fixeron mermar unha colleita de olivas que apuntaba a ser histórica en Galicia. Con todo, os produtores agardan recoller este ano 200 toneladas, unha cantidade similar a de exercicios anteriores. Ademais, a calidade semella que vai ser moi alta polo óptimo estado dos froitos.

En quince días comezará nas zonas de produción temperá de Galicia a recollida das olivas. A colleita ía ser de record pero as chuvias da primavera frearon a floración e, con ela, as boas expectativas. Aínda así, agárdase chegar aos 200.000 quilos recollidos en campañas anteriores, que poden producir uns 20.000 litros de aceite artesanal ou de pequenos produtores. Os olivareiros advirten tamén ante a fraude de comercializar aceite foráneo como autóctono galego. 

"Como usamos variedades moi comerciais que hai en toda España, estase dando a fraude de vender aceite galego sen selo", asegura José Antonio García, da Asociación de produtores de oliva e aceite de Galicia.

A recollida é o traballo máis duro para os olivareiros, xa que o resto do ano tan só hai que estar pendente das pragas como o repilo ou o glyphodes e podar cando as árbores medran de máis.

Optar por variedades autóctonas e producións a pequena escala para obter un aceite diferenciado nos mercados e de alta calidade. esa é a aposta dos produtores de aceite galegos para os vindeiros anos.

En Galicia a recollida faise cando as olivas aínda non maduraron de todo. Dese xeito conséguese menor cantidade de aceite xa que son necesarios sete quilos de froito para producir un litro pero aumenta a calidade e mantéñense todas as propiedades organolépticas da oliva. 
 

Noticias web

11/10/2021