A coada principal da Palma divídese en dúas e invade zonas novas
• O rei anuncia unha próxima visita á zona coa raíña
A coada principal do volcán da Palma divídese en dúas e arrasa zonas ás que aínda non chegara a lava. Este xoves a illa rexistrou un tremor de 4,3 graos. Ante a imposibilidade de voar á zona, o rei Filipe mantivo unha xuntanza telemática co Pevolca dende a illa de Tenerife.
O río de lava que este xoves se separou da coada principal do Cumbre Vieja diríxese ao mar a poucos metros da plataforma de lava que se formou estes días. E ao seu paso arrasa cultivos de plátanos e edificios que ata agora se salvaran dos danos da erupción. Esta nova coada chegou ao océano entre a praia dos Guirres e o Charcón.
Os tremores na illa aumentaron en número e en intensidade. O máis forte chegou aos 4,3 graos. A el seguíronlle outros 3 de máis de 3 graos. Pero os científicos non cren que isto supoña a apertura dun novo cono eruptivo.
A calidade do aire segue empeorando por falta de vento. O aeroporto da Palma continúa pechado. Ante a imposibilidade de voar á illa, o rei Filipe reuniuse por videoconferencia cos membros do Pevolca dende Tenerife.
Pero nas últimas horas non só vimos escenas solidarias. Como hai quen saca partido de todo, en Ebay véndense xa cinsas do volcán, a 20 euros a bolsiña.