A rotura esta fin de semana da cara norte do volcán Cumbre Vieja liberou grandes cantidades de lava que se dividiron en varias coadas, algunha delas especialmente perigosa.
As nove coadas arrasaron xa 1.186 edificacións e manteñen en risco 95 casas. Arredor de seis mil persoas seguen evacuadas na Palma.
Algunha das coadas máis activas no sur do volcán percorre 700 metros por hora. Ademais, o persoal científico ten medo do que poida pasar coa cornixa de lava solidificada que penetrou centos de metros mar a fóra.
Unha das coadas procedentes da rotura da cara norte arrastra pedras do tamaño dun edificio de tres andares. Este domingo, as temperaturas chegaron aos 1.240 graos centígrados.
A nube de cinzas e gases emitida polo volcán supera xa os 3.500 metros. O cambio de ventos previsto para este luns pode inutilizar de novo o aeroporto da Palma e afectar os de Tenerife.