CRTVG

Buscar

A CNN esquece Galicia nunha reportaxe que sitúa o pan de broa como un dos mellores do mundo

Publicado o 22/10/2019 16:04

Escolleron os cincuenta mellores pans do mundo. E aí aparece o pan de broa. Orixinario, di a CNN, do norte de Portugal: "O problema dos americanos é que non saben moi ben situarnos".

Fernando ben sabe o que é este pan, nacido na antiga Gallaecia e parte indisoluble da nosa historia.

"Á xente maior se lles falas de pan de broa, a primeira contestación que che poden dar é que xa o comeron no seu tempo. Agora non quere saber nada del. Pero si é certo que está repuntando un pouquiño o consumo".

Porque a xente nova non o pensa como comida de posguerra, senón como delicia. Hai panadeiros que só fan pan de millo polo San Xoán. Aquí fano todas as fins de semana do ano.

"Isto é o formento, masa nai, que lle chaman agora, masa feita do día anterior. Fariña de trigo, fariña de millo, lévedo, sal e auga".

Sinxela e tradicional lista de ingredientes á que habería que engadir a calor que proporciona a leña.

"Mínimo, hora e media no forno".

Resultado: un pan mesto de recoñecida resistencia: "Catro ou cinco días perfectamente. É un pan que ten moito aguante. Un pan máis pesado".

Broa, boroa. Un dos mellores pans do mundo: "Tamén é de agradecer que se recoñezan os pans de Galicia".

Neste caso un pan de Galicia, do norte de Portugal e algo tamén do Brasil.

Noticias web

22/10/2019