CRTVG

Buscar

A cidade de Ourense, baixo vixilancia pola elevada incidencia da covid

Publicado o 05/07/2021 13:44

Nas últimas 24 horas detectáronse na cidade de Ourense 13 positivos novos, o que sitúa a incidencia acumulada a 14 días xa por riba dos 150 casos por cada cen mil habitantes, unha situación preocupante segundo advertía a directora xeral de Saúde Pública quen tamén adiantou que mañá se revisará a situación no comité clínico por se fose necesario adoptar novas restricións. O 70% dos casos son menores de 40 anos, pero tamén hai que sinalar que a presión hospitalaria segue sendo baixa, hai sete ingresados en planta e ningún na unidade de coidados intensivos.

A cidade de Ourense pasou a simbólica barreira dos 100 positivos o pasado 24 de xuño. Semana e media despois, sitúase en 177. "Hai unha falta de responsabilidade enorme", "non é culpar só a xuventude", din dúas persoas. O 50% dos casos activos son menores de trinta. "Eu vexo as fotos, os vídeos, e paréceme todo un pouco arriscado",  "entendo que todos teñamos ganas de ir de festa, de saír, que as cousas sexan como antes pero o mellor e ter cabeza", comentan dous mozos.

A Subdelegación do Goberno de Ourense coordina unha trintena de efectivos dos distintos corpos de seguridade para controlar as aglomeracións na rúa á vista da súa incidencia na propagación do virus, especialmente na cidade, pero tamén no rural. Emilio González Afonso, subdelegado do Goberno en Ourense: "É un foco moi importante de covid. Tamén no rural houbo aglomeracións e mini botellóns".

Ademais dos rastrexos e restricións, os especialistas urxen a vacinación dos máis novos. Juan Gestal, epidemiólogo: "Hai que poñer en marcha a vacinación do grupo dentre 12 e 30 anos, principais transmisores da enfermidade e nos que outras medidas de prevención non funcionan". A presión hospitalaria, iso si, segue sendo baixa. Non hai ingresos na UCI e sete persoas en planta.

Noticias web

05/07/2021