CRTVG

Buscar

A Cidade da Cultura acolle ata o domingo o festival infantil de curtas Pequefilmes

Publicado o 18/01/2020 15:28

A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana unha nova edición do Festival Infantil de Curtas Pequefilmes.  Ata o domingo, proxectaranse case un cento de traballos de animación de 27 países difíciles de atopar nas plataformas habituais. O certame ofrece tamén obradoiros para achegar o mundo da animación ao público familiar.

A historia está clara. Agora toca darlles vida ás personaxes. Neste obradoiro de Toy Play aprenden a facer as súas propias curtas de animación con xoguetes e decorados caseiros.

Nestoutro, descobren a maxia dos hologramas creando un proxector doméstico. O obxectivo é achegar o cinema ao público infantil que participa nos obradoiros coas ideas máis ou menos claras.

E con toda esta bagaxe, logo deben valorar as curtas que se proxectan nas distintas salas. Son case un cento de filmes de 27 países, pouco accesibles a través das plataformas habituais. Contidos alternativos que tentan contribuír ao crecemento do público infantil como espectador.

Unhas chegan con premios internacionais, outras tentan ser críticas ou orixinais. Proxéctanse divididas en tres seccións: Vagalumes, Miñocas e Fanecas. Polo momento, só se pode votar a partir dos tres anos pero a organización xa está a buscar o xeito de interpretar a opinión do público bebé.

Noticias web

18/01/2020