CRTVG

Buscar

Unha nova borrasca deixa inundacións, fortes refachos de vento e altas ondas

Publicado o 11/12/2020 19:58

• Mal tempo en terra e no mar durante toda a semana que vén

O temporal que golpea a costa da Coruña e Lugo deixou refachos de vento que superaron os 116 quilómetros por hora e tamén intensas choivas na provincia de Pontevedra, que alcanzaron os 77 litros por metro cadrado, segundo informa Meteogalicia.

A Xunta activou para este venres unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Lugo, por mar combinada do noroeste con ondas entre 5 e 7 metros. Aínda que a ondada superou os 4 metros, segundo Portos do Estado, foi o forte vento o protagonista na costa lucense, con 116.5 km/ h en Viveiro, mentres que en Cariño, na Coruña, non superou os 93 km/ h.

Tamén activou a Xunta a alerta laranxa por choivas no interior da provincia de Pontevedra, con estimacións de precipitacións acumuladas en 12 horas de 80 milímetros, isto é, 80 litros por metro cadrado. En Fornelos de Montes alcanzaron hoxe os 77.2 L/ m2. 

O mar de fondo azouta con forza a costa da Coruña con ondas de 7 metros. Todo o litoral da provincia está dende esta tarde en alerta laranxa. No resto da comunidade o aviso é amarelo. As ondas chegan só aos 5 metros, pero o vento forza 7 complica as cousas, sobre todo na zona da Mariña. O temporal nin sequera deixa rescatar da area este barco encallado nas Cíes.

Tamén hai mal tempo en terra. No interior da provincia de Pontevedra e na montaña de Lugo acumuláronse nas últimas horas máis de cen litros de auga por metro cadrado. Este é o Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas. Un dos moitos ríos que reborda en moitos lugares polos que discorre. Como o Parga, que tamén asolagou a cafetería do Cit e as casas que o rodean.
En Valdeorras, unha avalancha de auga provocou un desprendemento de terra e pedras na estrada que une Prada co Barco. A vía está cortada no alto da Portela. E moitos muros cederon tamén á forza da auga como este de Vilaza, en Gondomar, ou coma este de Moaña.

Pois quédanos bastante. Porque Galicia está baixo a influencia dun tren de borrascas que vai durar polo menos durante toda a próxima semana. Cóntase que os peores días sexan o martes e o mércores que vén.

Noticias web

11/12/2020