CRTVG

Buscar

A chuvia das últimas horas nutre o caudal dos ríos galegos

Publicado o 12/08/2020 14:10

A chuvia de hoxe dálle vida ao caudal dos ríos que, como o Ulla, nutren os encoros galegos. A situación preocupaba, sobre todo, nos que desembocan no Cantábrico, desde Cedeira a Ribadeo, porque os indicadores están xa máis baixos do normal.

Con todo, Augas de Galicia asegura que a pesar dos máis de 40 días sen chover en gran parte do territorio galego, non hai problema grazas á chuvia caída na primavera.

O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, explica que a partir de agora se fará un seguimento de como inflúe a chuvia desta xornada nos niveis dos encoros, pero asegura que ata o de agora non se resentiron grazas á primavera chuviosa.

De feito, os últimos datos facilitados pola entidade que xestiona a auga reflicten uns niveis medios próximos ao 80 por cento nos encoros de Galicia Costa. Na conca Miño-Sil o nivel achégase ao 65 por cento.

Con todo, a resposta ao futuro dos recursos hídricos en Galicia non está no verán, senón no comportamento meteorolóxico da vindeira estación.

"Se a chuvia vén a finais de setembro ou principios de outubro non haberá problema; se non vén ata decembro, como sucedeu o ano pasado, podería ser preocupante", explica Mosqueira.

En todo caso, con chuvia ou sen ela, é imprescindible facer un uso responsable e respectuoso deste recurso fundamental para a vida.

Noticias web

12/08/2020