CRTVG

Buscar

A choiva axudou a frear as lapas e dan por controlado o incendio de Sierra Bermeja

Publicado o 14/09/2021 08:31
A choiva axudou a frear as lapas e dan por controlado o incendio de Sierra Bermeja

O incendio de Sierra Bermeja deuse por controlado á primeira hora da mañá, coa axuda da choiva. De madrugada, o vento de levante avivou as lapas na zona oeste. Este foi o sector máis complicado das últimas horas. Aquí tamén estiveron a traballar, á noite, cos bombeiros forestais, os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias. 

No radio de acción desta fronte de Casares e monte do Duque está a localidade de Genalguacil, por iso os seus 250 veciños non puideron volver á casa esta noite: eran os únicos que continuaban desaloxados; á última hora de onte autorizaron o retorno ás súas vivendas de máis de 1.300 persoas que seguían evacuadas. E é que nos outros sectores deste enorme incendio de case 90 quilómetros de perímetro xa durante o luns as lapas deron unha tregua, grazas á intervención das primeiras chuvias e ao aumento da humidade. E ao traballo de case mil efectivos. Despregáronse medio cento de medios aéreos. Entre eles un helicóptero superpuma, que bateu contra unha árbore. Os seus 19 ocupantes saíron ilesos do accidente. 

Os pasaxeiros, da brigada de forestais de Granada, decidiron continuar traballando e tras o sinistro foron recibidos con aplausos. Os outros dous bombeiros feridos o domingo foron dados de alta. Todos teñen na mente o compañeiro falecido neste incendio no que arderon dende mércores case dez mil hectáreas. A investigación sobre a orixe do lume está aberta, e a Fiscalía de Medio Ambiente apunta á hipótese de que foi provocado. 

Noticias web

14/09/2021