CRTVG

Buscar

A China inicia os ensaios clínicos de dúas posibles vacinas contra o coronavirus

Publicado o 14/04/2020 07:53
A China inicia os ensaios clínicos de dúas posibles vacinas contra o coronavirus

A China comezou os ensaios clínicos en humanos de dúas posibles vacinas contra o coronavirus  SARS-CoV-2, causante da enfermidade COVID-19, informou este martes a prensa local. Son dúas vacinas inactivadas, é dicir, consistentes en microorganismos que se mataron mediante procesos físicos ou químicos.

A primeira das candidatas, que obtivo a licenza para proceder a ensaios clínicos o pasado domingo, foi desenvolta polo Instituto de Viroloxía de Wuhan (a cidade centrooriental chinesa onde se detectaron os primeiros casos da enfermidade) de maneira conxunta coa sucursal nesa mesma urbe da empresa Sinopharm.

A segunda é o resultado do traballo conxunto de varias empresas, con Sinovac Research & Development á cabeza. Esta empresa é unha subsidiaria de Sinovac Biotech, que traballou tamén nunha vacina contra a Síndrome Respiratoria Aguda e Grave (SARS, no seu acrónimo inglés) en 2003.

Segundo a publicación económica especializada Caixin, o proxecto de Sinopharm -que conta co apoio económico do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía da China- probará a vacina en 1.396 voluntarios recrutados na provincia de Henan (no centro leste do país asiático) nas súas dúas primeiras fases, que se prevé que duren ata o 10 de novembro de 2021.

A mediados de marzo, as autoridades chinesas aprobaron o comezo dos ensaios clínicos doutra vacina contra o coronavirus desenvolta pola Academia Militar de Ciencias.