CRTVG

Buscar

A China aproba por primeira vez o uso comercial dunha vacina contra a covid

Publicado o 31/12/2020 08:33
A China aproba por primeira vez o uso comercial dunha vacina contra a covid

As autoridades chinesas deron hoxe, por primeira vez, luz verde á comercialización dunha das vacinas contra a covid-19 desenvolvidas no país, a de Sinopharm e a súa subsidiaria Instituto de Produtos Biolóxicos de Pequín.

Ambas as compañías solicitaron onte mesmo a autorización á Administración Nacional de Produtos Médicos (NMPA) tras informar de que a eficacia da vacina era do 79,34 %, segundo datos provisionais derivados da fase 3 de ensaios clínicos.

Nunha conferencia de prensa celebrada en Pequín, o número dous da NMPA, Chen Shifei, explicou que a institución chegou á conclusión de que "os beneficios coñecidos e potenciais desta vacina superan aos seus riscos coñecidos e potenciais" e que cumpre cos estándares marcados para a aprobación condicional da súa comercialización.

A condición é que Sinopharm siga levando a cabo os seus ensaios clínicos conforme os prazos acordados e enviando os datos solicitados ás autoridades médicas do país para a súa verificación e rexistro final.

Chen explicou que, segundo as leis locais, pódese aprobar de forma condicional unha vacina cando son "necesarias urxentemente para responder a grandes emerxencias sanitarias públicas".

O conciso anuncio dos resultados da fase 3 de probas, efectuado onte, non achegaba datos como o número de participantes que si contraeron o virus ou os efectos secundarios reportados.

Na conferencia de prensa de hoxe tampouco se achegaron eses datos, que serán publicados "máis adiante en publicacións médicas chinesas e doutros países", segundo o presidente de CNBG -subsidiaria de Sinopharm da que depende o Instituto de Produtos Biolóxicos de Pequín-, Wu Yonglin.

Wu aseverou que as probas levaron a cabo con estándares "que superan aos existentes, mesmo aos da OMS (Organización Mundial da Saúde)".

Aínda que A China dea o seu visto e prace hoxe á saída ao mercado do soro, xa se aprobou en xuño a utilización de varias das candidatas a vacina desenvolvidas no país para ser administradas en casos "de urxencia", é dicir, persoas altamente expostas a risco de contaxio.

O subdirector da Comisión Nacional de Sanidade, Zeng Yixin, revelou hoxe que entre esa aprobación e novembro administráronse máis de millón e medio de dose das vacinas. Tras iso, o pasado 15 de decembro, A China iniciou unha campaña máis ambiciosa de vacinación a grupos de risco, e desde entón inxectáronse outros 3 millóns de doses.