CRTVG

Buscar

A China aproba a polémica lei coa que pretende acabar coas protestas en Hong Kong

Publicado o 28/05/2020 18:56
A China aproba a polémica lei coa que pretende acabar coas protestas en Hong Kong

A Asemblea Nacional Popular (ANP), o órgano lexislativo chinés, aprobou hoxe por unha ampla maioría a controvertida lei de seguridade nacional para Hong Kong, que desatou as protestas na cidade e que ameaza con tensar aínda máis as malas relacións entre Pequín e Washington.

Ao termo da súa inusual reunión deste ano, aprazada e máis curta a causa do coronavirus, 2.878 delegados de entre os presentes no Gran Salón do Pobo apoiaron a nova lei, fronte a un só que se mostrou en contra e seis que se abstiveron. Un comité legal redactará agora unha versión definitiva que ten que ser ratificada posteriormente polo Comité Permanente da ANP, o que podería prolongarse preto de dous meses, ata que a lei entre plenamente en vigor.

A data de vixencia será clave xa que un dos obxectivos de Pequín coa lei é desactivar as protestas máis radicais e violentas na ex-colonia británica, que se poderían seguir producindo ata que non entre en efecto. Ademais, o próximo setembro están convocadas eleccións ao Consello Lexislativo, en que o movemento prodemocrático da cidade espera revalidar a vitoria que obtivo nos comicios de distrito do pasado ano.

O texto aprobado prohibe "calquera acto de traizón, secesión, sedición, subversión contra o Goberno Popular Central" ou "o roubo de segredos de Estado", así como a "organización de actividades en Hong Kong por parte de organizacións políticas estranxeiras e "o establecemento de lazos con elas" ás organizacións políticas" da cidade semiautónoma.

Todo iso co obxectivo de "salvagardar a soberanía nacional, a seguridade, os intereses de desenvolvemento, manter e mellorar o sistema de 'Un país, dous sistemas', preservar a estabilidade e a prosperidade de Hong Kong a longo prazo e salvagardar os lexítimos dereitos e intereses dos residentes de Hong Kong".

Noticias web

28/05/2020