CRTVG

Buscar

A chegada do frío pon en problemas as persoas sen fogar

Publicado o 05/12/2019 14:12

Esta semana, a temperatura baixou despois do parón das choivas, e os que máis o sofren son os que non teñen acubillo. As persoas sen fogar acoden aos servizos sociais na procura de roupa de abrigo e algo quente que lles axude a soportar as xeadas.

Cáritas reparte roupa de inverno e mantas entre as persoas sen fogar e tamén reparte máis bebidas quentes nos comedores sociais. Malia ter toneladas de roupa almacenadas nestas instalacións de Santiago, que despois se reparten nas súas tendas da cadea A Roupa e nos roupeiros, o máis importante é o que falta.

"A case totalidade de roupa que recollemos é roupa de muller e de nenos. A roupa de home é a que máis nos escasea e a que chega en peores condicións é máis difícil conseguir roupa para ser reempregada. De feito as persoas sen fogar, as persoas que están na rúa, normalmente son homes. Dende todas as Cáritas parroquiais da nosa Diócese solicitan agora coa chegada do frío roupa de home de deporte e calzado para estas persoas e non temos para todos", di Isabel Fraga, xerente de A Roupa.

"A noite dan normalmente un Colacao, estos días estáselles dando sopa. É dicir para que teñan algo máis quente. Seguen levando o Colacao ou café con leite con pastas ou bocadillos, pero tamén agora se aumentou estos días con sopa. Tamén hai preparadas roupa de abrigo ou mantas para os que están na rúa para que poidan abrigarse", conta José Anuncio Mouriño Rañó, director de Cáritas en Santiago de Compostela.

A Cruz Vermella atende a 300 persoas que viven na rúa só na cidade de Lugo. En centros coma este, poden almorzar, asearse e lavar a roupa. Tamén reparten paquetes para os que dormen fóra. "Algo de roupa de abrigo, unha braga, un gorros unhas luvas. Temos outro pequeno paquetiño que é roupa de choiva, uns calcetíns, o saco de durmir que é de baixas temperaturas, un saco bastante bo e ademáis é lixeiro. E unha esteira aparte da mochila.Traballamos todo o ano e o noso obxectivo é igual o resto do ano. Simplemente nestas datas tamén de frío intentamos avisar aos usuarios que teñan máis coidado, que acodan aos recursos, que non estén a intemperie e facemos un pouco de prevención", explica Patricia Castiñeira Castelo, educadora social da Cruz Vermella.

Os albergues amplian os seus horarios para dar unha mellor cobertura a todas as persoas que coa chegada do frío do inverno poden ver a súa vida perigar.

Noticias web

05/12/2019