CRTVG

Buscar

A chegada da segunda coada ao mar confinará na Palma núcleos próximos á costa

Publicado o 20/10/2021 14:02

Na Palma, os veciños de Tazacorte prepáranse para volver a confinarse nas súas vivendas unha vez a segunda coada de lava procedente do volcán Cumbre Vieja entre en contacto co mar e libere gases tóxicos. A illa canaria rexistrou esta noite un sismo de case 5 graos de magnitude, o maior desde que hai un mes comezou a erupción.

Os veciños dos núcleos de poboación do concello de Tazacorte máis próximos á liña de costa volverán a confinarse tan pronto chegue ao mar unha segunda coada de lava procedente do volcán de Cumbre Vieja. A medida pretende evitar danos para a saúde da poboación polos gases que se orixinen ao contacto da lava coa auga.

Non será a primeira vez que estes mesmos veciños se confinan, fixérono en varias ocasións desde que hai un mes o volcán entrou en erupción. Segundo as autoridades, as baixas presións situadas sobre o sur da illa da Palma impedirán a dispersión de gases e partículas en suspensión e esta situación manterase ata o venres.

Esta noite a zona rexistrou un sismo de 4,8 graos, o de maior magnitude ata o momento nesta crise volcánica, e que puido sentirse no norte de Tenerife. Durante a última semana contabilizáronse case 600 tremores na illa canaria. 

Noticias web

20/10/2021