CRTVG

Buscar

A CEOE calcula que o retroceso económico oscilará este ano entre o 5% e o 9%

Publicado o 08/04/2020 12:26

A patronal CEOE calcula que o Produto Interior Bruto caerá entre un cinco e un nove por cento este ano pola pandemia de COVID-19 e que o desemprego subirá entre medio millón e 900.000 persoas.

Segundo un estudo desta entidade, no mellor escenario o PIB caerá un cinco por cento no conxunto do ano e haberá 56.400 parados máis, ata acadar os 3,8 millóns. Na situación máis adversa, a caída do PIB situaríase arredor do nove por cento e o paro elevaríase en 912.000 persoas ata acadar os 4,2 millóns.

Ademais, o informe da patronal apunta a que haberá un déficit público de entre 80.000 e 120.000 millóns de euros, entre o 7,5 por cento e o 11 por cento do PIB. A débeda pública, segundo estes cálculos, ascendería ata unha grella de entre o 108 e o 115 por cento do PIB.

Neste estudo dise que as "consecuencias son maiores das inicialmente previstas" e sinala varios escenarios segundo a duración do confinamento, a efectividade das medidas adoptadas ou o ritmo de recuperación dos distintos sectores.

Así, no mellor dos casos, se o final do confinamento se dese nos primeiros días de maio, o PIB caerá un 5 por cento no conxunto do ano, perderanse 445.300 ocupados en termos de Enquisa de Poboación Activa (EPA) e a taxa de paro crecerá do 14,1 ao 16,5 por cento cun incremento do paro en 560.400 persoas, ata situarse en 3,8 millóns.

Na situación máis adversa, cun confinamento máis prolongado e unha menor efectividade das medidas adoptadas, a caída do PIB podería situarse ao redor do 9 por cento, segundo a patronal. Nese caso o emprego caería un 4 por cento de media anual, cun descenso da ocupación de 796.800 persoas, e o paro elevaríase en 912.000 persoas, ata case os 4,2 millóns, cunha taxa de desemprego do 18 por cento.

Valoración dos ERTE

A CEOE tamén fai un cálculo de cal sería o comportamento do emprego sen a posibilidade de acollerse aos ERTE nas actuais condicións: a taxa de paro escalaría ao 18,7 % no mellor escenario e superaría o 20 % no peor.

E apunta que no escenario de recuperación máis intensa, poderíanse alcanzar, xa no mes de decembro, niveis de actividade próximos ao peche de 2019 e o PIB  repuntaría un 5,2 % en 2021.

Ante estes escenarios, a patronal pide máis flexibilidade para as empresas, "apoiando a liquidez e posibilitando a moratoria de impostos, a semellanza do que están a facer o resto dos países da nosa contorna".

Ademais, reclaman que as empresas, cumprindo os protocolos para salvagardar a saúde nos centros de traballo, "poidan producir naquilo que consideren que a sociedade demanda, baixo o paraugas do mercado, xa que é o mellor incentivo para que se transformen e adapten ás novas necesidades", así como protexer as exportacións.