CRTVG

Buscar

A CEMMA fai un simulacro para saber como actuar cando aparece un animal varado

Publicado o 09/10/2021 17:23

A CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, realizou un simulacro de rescate para que saibamos como actuar ante a aparición de cetáceos varados na costa. Foi na praia de Razo, onde apareceu unha toniña.

É unha especie en perigo de extinción que podería desaparecer en apenas quince anos. Foi localizada moi preto do lugar en que se realizou o simulacro. A Cemma leva case tres décadas dedicada ao estudo dos mamíferos mariños. Bibiana escenificou os pasos que debemos seguir se atopamos un animal varado.

É fundamental observar se está vivo ou morto, crear para el un espazo de seguridade e avisar o 112. O tamaño, se presenta ou non feridas e outros datos que nos pedirán por teléfono permitiranlles aos expertos tomar decisións. Debemos escoitalos a eles e seguir as súas instrucións antes de cometer erros que poderían empeorar a situación.

Non sempre é posible, pero ás veces, se sabemos como e actuamos con rapidez, conseguimos salvarlles a vida. A CEMMA repetirá a actividade a próxima fin de semana en Ponteceso para seguir divulgando e contribuíndo á conservación da fauna mariña.

Noticias web

09/10/2021