CRTVG

Buscar

A Casa Real confirma que Xoán Carlos I está nos Emiratos Árabes Unidos

Publicado o 17/08/2020 15:39

• O pai de Filipe VI viaxou a este país o 3 de agosto, cando se anunciou a súa saída de España

O rei Xoán Carlos I chegou o pasado 3 de agosto aos Emiratos Árabes Unidos e permanece alí desde entón, segundo informou a Casa Real.

Nun conciso comunicado, a Zarzuela sinala que "a súa maxestade o rei don Xoán Carlos indicou á casa da súa maxestade o rei que comunique que o pasado día 3 do presente mes de agosto se trasladou aos Emiratos Árabes Unidos, onde permanece na actualidade".

O paradoiro do anterior xefe do Estado non era coñecido desde que ese luns 3 de agosto Zarzuela emitiu outro comunicado en que trasladaba a decisión de don Xoán Carlos de abandonar España e fixar a súa residencia noutro país.

Unha decisión que dicía que adoptaba ante a repercusión publica de "certos acontecementos pasados" da súa vida privada e para facilitar ao seu fillo, Filipe VI, a tranquilidade e o acougo que require o exercicio das súas funcións.

Desde que se emitiu ese comunicado baralláronse varios destinos posibles, despois de que a noite anterior pernoitase en Sanxenxo, na casa do seu amigo o regatista Pedro Campos.

Houbo noticias que o situaron en varios puntos de Portugal, na República Dominicana ou nun luxoso hotel do lugar en que finalmente se atopa, nos Emiratos Árabes Unidos, e onde xa estivera en diversas ocasións desde a súa abdicación en 2014.

Días despois, o dixital Nius achegou unha fotografía en que se vía baixando pola escada do avión e situábano en Abu Dhabi, a capital dese país.

Nin a Zarzuela, nin o Goberno nin o avogado de don Xoán Carlos desvelaran ata o de agora o seu paradoiro.

Fontes da Casa Real apuntaban que debía ser el quen decidise cando o comunicaba, mentres que o Executivo, co seu presidente Pedro Sánchez á cabeza, trasladaba tamén a responsabilidade desa información á Zarzuela ou ao pai de Filipe VI.

Tras o comunicado do día 3, o avogado de don Xoán Carlos, Javier Sánchez-Junco, emitiu outro en que informaba de que o anterior xefe do Estado lle dera instrucións para que fixese público que, a pesar da súa decisión de trasladarse fóra de España, "permanece, en todo caso, á disposición do Ministerio Fiscal para calquera trámite ou actuación que se considere oportuna".

A Fiscalía do Tribunal Supremo está a investigar a orixe de 65 millóns de euros ingresados en Suíza na fundación Lucum, radicada en Panamá, para determinar se eran comisións abonadas por Arabia Saudita a don Xoán Carlos pola construción do AVE á Meca.

Unha cantidade de diñeiro que foi transferida despois a unha conta nas Bahamas a nome da  examiga do rei Corinna Larsen.

O lugar en que permanece o rei comunicouse o mesmo día en que os reis protagonizan a súa última actividade oficial nas Baleares, unha visita a Eivisa tras a que regresarán a Palma para volver este martes, 18 de agosto, a Madrid.