A carreira para recadar fondos contra o cancro chega a Santiago despois de 900 km
Hoxe completaban a última etapa do camiño os participantes na novena edición da carreira A Santiago contra o cancro, unha iniciativa que xurdiu en León en 2011 da man dun grupo de amigos que pretendía recadar fondos para loitar contra a enfermidade e que culminaba unha vez máis en Compostela.
Santi Lorenzo, participante, afirma: "Incrible, un ambiente e un ánimo continuo. O vínculo que se crea entre as persoas é algo espectacular. Hai que vivilo. Para outra participante, Carolina Trenado, a opinión é similar: "Moi contenta. A experiencia é inesquecible. A causa, non pode haber outra que nos mova máis que esa. E con ganas de chegar a Santiago, de darlle unha aperta a todo o mundo e esperar ao vindeiro ano para que volva pasar o mesmo".
Os oitenta participantes saíron hai oito días dende Hendaya, no camiño do norte, e despois de case novecentos quilómetros de esforzo polas rutas xacobeas chegaban esta mañá ao Monte do Gozo. É unha proba de remudas, na que os participantes percorren entre dez e vinte quilómetros e despois son substituídos por outros compañeiros. Non hai medallas nin diplomas, o premio é contribuír a unha causa nobre.
Gonzalo Santos, que pertence á organización da iniciativa e que participa na carreira dende a súa primeira edición relata o obxectivo benéfico da carreira: "Cada corredor polas redes sociais e dentro do seu círculo de familiares e amigos, promóveo por esta finalidade. E ademais é un tema tan sensible que todo o mundo ten algo ou padeceuno de preto, se non é en persoa, pola familia, algún irmán, un pai... Despois estes fondos destínanse principalmente á investigación e á axuda a familiares e doentes".
Con temperaturas de 39 graos en días anteriores, as dificultades suavizárosen coa chegada da carreira esta maña a Santiago. Desta vez xa levan recadados mediante patrocinadores e contribucións individuais uns 48 mil euros que doarán integramente á Asociación Española contra o Cancro. Teñen unha dirección en Internet onde contan a súa iniciativa, pero consigo levan a experiencia de compartir un obxectivo común: que se continúe investigando para atopar un remedio contra o cancro.