CRTVG

Buscar

A carne de cordeiro galego en extensivo é a máis saudable

Publicado o 02/06/2021 21:23

Coa volta á normalidade poden volver algunhas das celebracións en que é tradicional consumir cordeiro. Unha carne que é das máis saudables, cos métodos de cría que hai en Galicia.

A calidade e variedade dos pastos que comen as ovellas acábase trasladando ao seu leite e de aí pasa aos años. Iso converte a carne de cordeiro galego criado en extensivo en moito máis saudable que a que se cría baixo outras modalidades.

Ten menos graxa e é máis sa. Son conclusións dun estudo en que participaron diferentes organismos implicados no sector ovino.

Herba dos prados, fariña de cereais cultivados en Galicia e leite materno constitúen a dieta dos cordeiros que se crían nalgunhas explotacións extensivas galegas.

O resultado é unha carne con menos carga de graxa e cunha alta concentración de ácidos da serie omega 3. É dicir, máis saudable que a que se cría en naves e comendo a base de concentrados, como é habitual noutras zonas de España. O reto é que esa virtude se aprecie todo o ano.

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e a de criadores de ovellas e cabras, OVICA, fixo un estudo detallado sobre as características das diferentes carnes de cordeiro que hai no mercado.

O estudo conclúe que, se ben a de sistema extensivo é máis saudable, os consumidores seguen optando polas de intensivo ou mixto. As razas seleccionadas tamén inflúen no resultado da carne. 

Noticias web

02/06/2021