A carne de año criado en extensivo é a máis saudable
Herba dos prados, fariña de cereais cultivados en Galicia e leite materno constitúen a dieta dos cordeiros que se crían nesta e noutras explotacións extensivas galegas. O resultado é unha carne con menos carga de graxa e cunha alta concentración de ácidos da serie omega 3. É dicir, máis saudable que a que se cría en naves e comendo a base de concentrados, como é habitual noutras zonas de España. O reto é que esa virtude se aprecie todo o ano.
"O problema do año galego é que non é unha carne de diario. Véndese en festas concretas e ocasións especiais", explica o criador de ovellas Javier Rodríguez.
A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e a de criadores de ovellas e cabras, OVICA, fixeron un estudo detallado sobre as características das diferentes carnes de cordeiro que hai no mercado. O estudo conclúe que, se ben a de sistema extensivo é máis saudable, os consumidores seguen optando polas de intensivo ou mixto. As razas seleccionadas tamén inflúen no resultado da carne.
"As cabanas son bastante mixtas, se ben se tende á profesionalización e cada vez hai máis cabra e ovella de raza galegas", salienta Amaia Santamarta, técnico de OVICA.