CRTVG

Buscar

A cantante Raffaella Carrà morre aos 78 anos

Publicado o 05/07/2021 17:02
EFE

A cantante italiana Raffaella Carrà (Boloña, 1943) faleceu este luns aos 78 anos.

A noticia deuna o que fora a súa parella Sergio Iapino, que nunha mensaxe dixo: "Raffaella deixounos. Foise a un mundo mellor, onde a súa humanidade, a súa inconfundible risa e o seu extraordinario talento brillarán para sempre".

A polifacética cantante italiana, coñecida polos seus temas como 'Fiesta', 'En el amor todo es empezar', 'Hai que venir al sur' e 'Caliente, caliente', faleceu ás 16.20 horas locais, tras unha enfermidade que levaba tempo atacando o seu corpo e da que Iapino non deu máis detalles, e describiuna como unha "muller fóra do común, pero dotada dunha simplicidade sorprendente" que "non tivo fillos pero dicía sempre que tiña miles deles".

Descoñécese polo momento cando nin onde se celebrará o funeral, pero Iapino recoñeceu que "pedira un simple cadaleito de madeira sen terminar e unha urna para conter as súas cinzas".

Naceu como Raffaella María Roberta Pelloni, o seu verdadeiro nome, o 18 de xuño de 1943 en Boloña (Emilia- Romaña, centro) e con 10 trasladouse a Roma, onde comezou a tomar clases de danza clásica.

Carrà foi moi querida en todo o mundo. A súa espontaneidade conquistou primeiro Italia, logo España, onde se converteu en todo un mito na conservadora sociedade española de mediados dos setenta, e de aí deu o salto á América Latina, onde paseou polos programas televisivos máis importantes. 

Bailarina, cantante e diva da televisión en España e Italia

En Italia era Raffaela, en España 'A Carrá', en todas as partes do mundo ela, icónica, única, inconfundible. Pola súa melena loira e, por suposto, polo seu movemento de melena. Polo seu talento, como actriz, bailarina, cantante, presentadora....

Por ser ela e só ela sempre e en todo lugar. Non todas son quen de darlle cabazas ao mesmísimo Frank Sinatra no seu paso por Holywood cando compartiu película con el na década dos sesenta.
Chegaríalle a popularidade pouco despois, na televisión italina co programa que presentaba, bailaba e cantaba, 'La Cancionzzíssima', no mesmo programa onde foi censurada polo Vaticano polas súas coreografías. 

Pioneira en amosar o embigo, Raffaela seguiu sendo ela ata converterse nunha gran diva da televisión. A diva da naturalidade e da simpatía. A diva tamén da liberdade. A que só se lles confire a elas, porque só as divas como a Carrá son quen de entrevistar a Madre Teresa de Calcuta vestida con transparencias e Swarovski e dicirnos, aínda nunha España en branco e negro, que para facer ben o amor hai que vir ao sur.

Con 73 anos anunciaba a súa retirada das cámaras pero volvería aos 76 cun programa de entrevistas na televisión italiana. Incombustible, déixanos facendo alarde desa liberdade que a caracterizou. A de decidir que ninguén soubese do sufrimento dos últimos tempos. A súa exparella comunicounos hoxe que marchara, gardoulle o segredo, cumpriulle o desexo. Tamén nós queremos cumprirlle o de recordala así, bailando, cantando. De festa.