CRTVG

Buscar

Biden, novo presidente electo dos EUA

Publicado o 07/11/2020 17:29
Biden, novo presidente electo dos EUA

O candidato demócrata Joe Biden converteríase este sábado no presidente electo dos Estados Unidos tras a conquista Pensilvania, segundo indican as proxeccións das canles CNN, CBS e  NBC.

A súa compañeira de fórmula, Kamala  Harris, faría tamén historia, xa que se convertería  na primeira muller elixida xamais como vicepresidenta dos Estados Unidos, ademais da primeira muller negra que chegaría a ese cargo, en caso de que ambos asuman finalmente a Casa Branca o 20 de xaneiro. 

As principais canles de televisión fixeron a proxección pouco antes das 11:30 da costa este (16:30 GMT), cando  Biden ampliou a súa vantaxe en Pensilvania a máis de 30.000 votos sobre o presidente estadounidense, Donald  Trump.

Actualmente, Biden suma 284 delegados ou 273, dependendo de se se ten en conta  Arizona ou non, onde algúns medios non proxectaron aínda a súa vitoria, o que si que fixeron outros a noite electoral como a axencia AP e Fox News; fronte aos 214 que contabiliza Trump

Na tarde do sábado, Biden publicou unha mensaxe na súa conta de Twitter na que di estar "honrado" de que fora escollido para dirixir o país. "O traballo que temos por diante será duro, pero prométovos isto: serei un presidente para todos  os americanos, independentemente de que me votárades ou non". 

 

Mentres tanto, o cálculo continúa e as autoridades locais esperan ofrecer novos resultados ao longo da xornada en Nevada, Xeorxia e  Arizona, aínda que advirten de que o proceso a partir de agora podería retrasarse aínda máis. Trump encomendouse ás demandas que presentou en varios estados chave, pero é pouco probable que algunha delas poida invalidar os votos suficientes en ningún territorio.