CRTVG

Buscar

A campaña do berberecho baixa a súa facturación respecto dos últimos anos

Publicado o 22/12/2020 14:12

A campaña do berberecho rompe a tendencia dos últimos tempos. Veñen de cifras de facturación récord, de ata 20 millóns de euros, pero este ano quedarán nos 12. Unha contía moi baixa respecto dos anos anteriores, aínda que anda pola media da última década.

Nesta campaña, hai pouca cantidade de berberecho de tamaño comercial. Isto xúntase coa crise da covid, que obrigou a parar varias semanas, e con algúns episodios de toxina.

Adelo Freire, secretario da confraría de Noia, di que "ata cinco episodios de toxina distintos ao longo do ano. Todo isto xunto fai que estivésemos parados máis dun mes".

Agora, a baixa salinidade forzou o peche do banco da Misela. "É unha zona onde hai o mellor berberecho. Pechámola antes de tempo polas chuvias. As comportas do Trambre están abertas, entón, para preservar o produto de cara á vindeira campaña, pechamos a zona porque hai moita cría", explica Adelo.

O que si agradecen é que os prezos do berberecho están a experimentar unha importante repunta. "O que compensa un pouco a falta de produto son os prezos, que nunca se viran. Un berberecho de cuarta, máis de nove euros; ou de primeira, máis de 22, son prezos récord. Agradecemos que estean neses niveis para compensar un pouco a falta de produto".

Agardan que o ano que vén melloren as circunstancias para volver ao volume de facturación dos últimos anos.

Noticias web

22/12/2020