CRTVG

Buscar

A campaña da gripe arranca esta semana coa vacinación do persoal sanitario

Publicado o 16/10/2021 14:40

A campaña de vacinación contra a gripe comeza o luns vindeiro para o persoal sanitario. Unha semana despois será a quenda dos maiores de 65 anos. O resto de grupos irán accedendo a ela gradualmente. Os maiores de 80 recibirán á vez a terceira dose da vacina contra a covid se xa pasaron 6 meses desde a administración da segunda dose.

A principal novidade da campaña de vacinación da gripe deste ano é que vai ser secuencial, os diferentes grupos van ir accedendo a ela gradualmente en datas concretas. As primeiras vacinas administraranse a partir deste luns ao persoal sanitario, tras eles seguirán as persoas de maior idade e aquelas con patoloxías de risco.

"O 25 de outubro comezan a vacinarse as persoas de 65 e máis anos. O 15 de novembro entrarán as persoas de 60 a 64 anos e todas aquelas persoas con patoloxías de risco, mulleres embarazadas, nenos prematuros ata os dous anos e profesións esenciais, a partir do 29 de novembro para conviventes de persoas de risco e a poboación diana restante", di Susana Mirás, responsable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles do Sergas.

Ao mesmo tempo administraráselles a terceira dose contra a covid ás persoas maiores de 80 anos, sempre que transcorreran seis meses desde a segunda dose. Os estudos avalan a coadministración de vacinas diferentes.

"Na Comisión Nacional de Saúde Pública saíu aprobada esta terceira dose de reforzo e tamén nos últimos estudos se comprobou que non hai ningún tipo de contraindicación se fose necesario coadministrar as dúas vacinas no mesmo acto", asegura Susana Mirás, responsable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles do Sergas

Os expertos lembran que a escasa incidencia da gripe o ano pasado foi algo excepcional e esperan que nos meses vindeiros volva haber unha repunta de casos pola relaxación das medidas.

"Este ano relaxouse un pouco o uso da máscara, as medidas son diferentes, hai máis movemento de persoas. Consideramos por tanto que vai haber máis casos que o ano pasado, pero pensamos que inferiores a antes da pandemia", engade Susana Mirás.

Descartan ademais que se vaian producir grandes andazos de infeccións dobres, é dicir, de persoas que se contaxien á vez de gripe e de covid, pola alta taxa de vacinación que hai en Galicia.

Noticias web

16/10/2021