CRTVG

Buscar

A campaña catalá cóase no Senado

Publicado o 02/02/2021 20:10

As catro preguntas dos partidos cataláns ao Goberno no Senado acabaron desembocando nos comicios do 14 de febreiro. A vicepresidenta Calvo tiraba de ironía: "Non sabía que viña a un acto de campaña do seu partido, porque senón, non veño".

Antes, os nacionalistas acusaran o executivo de usar a maquinaria do Estado para favorecer o candidato socialista, incluída a sentenza que impediu adiar os comicios.

Josep Lluís Cleries, de Junts per Catalunya, cre que "vostedes queren que o 14 de febreiro sexa a festa da abstención. Por certo, respectarán vostedes os resultados electorais?".

Catalán é o novo ministro de Política Territorial, que este martes se estreaba na Cámara Alta e a quen os populares recibiron con hemeroteca.

Luisa Fernanda Rudi, do PP, lembroulle "cando defendía o dereito a decidir no programa electoral do PSC para as eleccións autonómicas de 2012, ou cando dicía que España tiña 8 nacións". 

Ao que Miquel Iceta, ministro de Política Territorial e Función Pública, replicaba: "o aprecio polo estado das autonomías non implica a nosa renuncia a melloralo".

A campaña catalá reaparecía na pregunta á nova ministra de Sanidade. Carolina Darias defendía a estratexia de vacinación do Goberno: "España está entre os principais países en canto á vacinación de Europa e do mundo".

Aínda que para o PP a velocidade de cruceiro non é a da administración do fármaco.

Javier Maroto, do PP, dicía que "aquí o único que colleu velocidade, e non de cruceiro senón de fórmula un, foi a estampida que deu Illa cara a Cataluña".

Maroto instaba a nova responsable de Sanidade a modificar o estado de alarma para atender as reclamacións das autonomías e a arremangarse ante Bruxelas para ter máis vacinas e en menos tempo.

Noticias web

02/02/2021