CRTVG

Buscar

A Cámara de Comercio da Coruña impulsa a FP dual

Publicado o 29/05/2019 14:32

Só mil alumnos cursan en Galicia FP dual, un sistema no que os estudantes adquiren formación práctica traballando en empresas ao tempo que aprenden teoría en centros educativos. Para impulsar o modelo, con anos de éxito en Alemaña, a Cámara de Comercio organizou unha feira informativa na Coruña.

O 90% dos estudantes de FP Dual atopan traballo cando rematan o ciclo, segundo lembrou o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, na inauguración da feira coa que pretenden impulsar este modelo. Na FP dual os alumnos traballan e reciben formación específica en empresas colaboradoras desde que comezan os estudos e a práctica é tan importante, ou máis, que a teoría.

"Amancio Ortega ten un 90% de formación práctica e un 10% teórica, e chegou a onde chegou. E noutros ámbitos temos a Bill Gates ou Steve Jobs, que compaxinaron as horas de clases en Stanford coas horas no taller", dixo Gonzalo Ortiz Amor, direcctor xeral da Cámara de Comercio da Coruña

En Galicia hai actualmente mil alumnos en Formación Profesional Dual, cifra que a Consellería de Educación considera escasa, polo que prevé aumentar prazas o próximo curso con máis empresas colaboradoras e unha rede de centros dinamizadores. Para os alumnos, a experiencia é moi positiva.


"É moi interesante poñer en práctica o que aprendes no ciclo", sinala Sonia Seijo Oubel
alumna de Química Industrial en Estrella de Galicia

"A primeira vez que entras na planta alucinas. Todas as máquinas están funcionando, cada unha co seu cometido, e ti estás ali, podes velo, tocalo, entrar na máquina se hai unha avaría. Desde o punto de vista da formación, está moito máis avanzado que calquera FP normal", explica Guillermo Díaz Rodríguez,
alumno de Mecatrónica Industrial en Estrella de Galicia

Na feira da FP Dual da Coruña varias empresas ofrecen información a alumnos interesados.
 

Noticias web

29/05/2019