A Cámara apoia por unanimidade a creación de 120 novas prazas de persoal de saúde mental no Sergas

Os grupos da Cámara galega aprobaron por unanimidade unha moción que insta a Xunta a desenvolver "de forma efectiva e real" o Plan galego de saúde mental, cuxa aplicación, como mínimo, supoña a creación de 120 novas prazas de especialistas de saúde mental no Servizo Galego de Saúde antes de que conclúa o ano 2021.
Este foi un dos puntos que saíron adiante no debate dunha moción presentada polo Grupo Socialista relacionada coa saúde mental. A proposición foi finalmente votada por puntos a petición do grupo maioritario, o PPdeG, que cos votos dos seus deputados permitiu que saíran adiante catro puntos e tombou outros tres.
En concreto, os aspectos aprobados piden á Administración autonómica avances antes de que conclúa este ano con vistas á equiparación, co horizonte en 2024, do cociente de profesionais en saúde mental coa media do Estado, pois, como advertiu o parlamentario encargado de defender a moción, Julio Torrado, Galicia ten a taxa máis de toda España.
Esta situación, continuou, fai que "tristemente poida afirmarse" que a saúde mental en Galicia "non é un dereito garantido" no sitema público, senón un "privilexio" que obriga a recorrer á sanidade privada os cidadáns dunha comunidade que ocupa "o primeiro posto" en consumo de ansiolíticos, o "segundo" en antidepresivos e "lidera" a taxa de suicidios de todo o Estado.
Por iso, Julio Torrado insistiu na necesidade de que a Administración autonómica "cumpra" cos "compromisos que se anuncian" e "nunca" se materializan. Como exemplo diso, sinalou a creación da unidade de psicoxeriatría na área sanitaria de Ourense e a posta en marcha do servizo de hospitalización infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Precisamente estes dous puntos tamén estaban incluídos na moción, que reclamaba a activación destes servizos antes de que conclúa o ano. No entanto, a postura do PP, con maioría absoluta no Pazo do Hórreo, fixo que o punto relativo á unidade de psicogeriatría en Ourense saíse adiante pero non o do Álvaro Cunqueiro, tendo en conta que, segundo a deputada popular Encarna Amigo, só pode garantirse que as obras arrinquen antes de final de ano.
Hospital de Conxo
A situación do hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, centrou tamén boa parte do debate da moción, que incluía un punto, finalmente aprobado, que reclama ao Goberno galego o encargo dunha auditoría externa indepediente sobre o estado do centro e os seus pacientes.
Torrado lembrou o informe emitido no ano 2017 polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura sobre as prácticas no sanatorio do barrio compostelán, especialmente as relativas ás medidas de contención mecánicas para os pacientes.
Un documento que, a principios de 2018, tivo eco no pleno do Parlamento pero que, segundo remarcou o deputado socialista, catro anos despois non fixo que a situación en Conxo "cambiase". "Non é aceptable que un país teña unha situación como a de Conxo", apostilou Torrado.