CRTVG

Buscar

A calor destes días fai pensar nunha primavera adiantada

Publicado o 03/02/2020 14:39

Desde o domingo, as nubes desapareceron do ceo de Galicia grazas ás altas presións que chegan do sur e atraen aire cálido desde África, ocasionando temperaturas superiores aos 20 graos en toda a comunidade. Estes valores estanse a repetir este luns e con menos vento, e mesmo entre as 3 e as 6 da tarde gozaremos de tempo primaveral.

"Hoxe vai ser o mellor día porque desde mañá o anticiclón móvese ao norte, impedirá a chegada de borrascas pero xa non atraerá ese aire cálido e, polo tanto, as temperaturas que xa na madrugada de hoxe empezaron a corrixirse, mañá tamén veremos esta corrección nos seus valores diúrnos. Así que agardamos martes, mércores e xoves tempo seco pero con temperaturas non tan elevadas coma hoxe", di Xan Taboada, de Meteogalicia.

O anticiclón resistirá, pois, ata o xoves, debilitándose ante o aire frío do norte e as borrascas do Atlántico que seguen sendo potentes.

"O venres chegaría a primeira borrasca, non forte, pero abrirá a porta para que entren outras".

Ata entón, Galicia goza dun descanso entre a choiva e o frío que disque ata nos cambia o humor. Turistas e pereginos sorrín agradecidos ante a fortuna.

O certo é que o soliño facilita as actividades ao aire libre. Cómpre aproveitar ben porque este agasallo da Candeloria, con ceo despexado e tempo solleiro, acábasenos o venres.

Noticias web

03/02/2020