CRTVG

Buscar

A busca de asintomáticos continúa en Galicia con cribados masivos en Guitiriz e Sada

Publicado o 11/02/2021 20:42

Os primeiros en acudir á cita foron os alumnos do colexio de Lagostelle. Tanto no centro como no Punto de Atención á Infancia detectáronse positivos e hai que atallalos canto antes.

"Viña un pouco nerviosa, pero agora xa vai contenta. Vai dar ben, xa verá". "No colexio creo que de momento só dous, pero por precaución están facendo isto e a ver que pasa".

"Temos un gromo moi importante no Punto de Atención á Infancia con dez nenos contaxiados de entre cero e tres anos", sinala Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz.

Tras eles acudiron os maiores vinculados co centro de día e tamén os profesionais do sector servizos que traballan cara ao público.

"Eu son do sector servizos e ela é usuaria do centro de día". "Son o vendedor da ONCE e estou aquí todo o día, e como viñan os comercios eu son un comercio máis". "É importante facer este tipo de probas e se hai casos asintomáticos sabelo e cortalo a tempo". "Molesta una pouco, pero nada, hai que facelo e hai que facelo".

Tamén houbo cribados en Sada, onde ata o vindeiro domingo están convocados 7.500 veciños de entre 18 a 60 anos. A incidencia na vila supera os 800 casos por cada 100.000 habitantes e os veciños acudiron masivamente ao chamamento do Sergas.

"É importante facelos e participar e detectar cantos casos hai de asintomáticos". "A verdade é que é duro e ao final xa tes medo".

"A verdade é que esas cifras que poden ser tan frías xa lles poñemos nome e apelidos tamén aquí en Sada", sinala o alcalde de Sada, Benito Portela.

Uns e outros participan voluntariamente nas probas para detectar asintomáticos e conseguir entre todos reducir os contaxios.

Noticias web

11/02/2021